Subvencións para investimentos en equipamentos post covid dos establecementos hostaleiros

A quen vai dirixido?

Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (inclúe autónomos que cumpran a condición de pequena empresa) do sector da hostalaría que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Para os efectos destas axudas, considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais, albergues turísticos e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración, recollidos nos capítulos IV e V da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

 

 

Gastos subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores á dita data.

 

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles nos que incorrese a entidade solicitante ata o 30 de novembro de 2021 con respecto aos conceptos seguintes:

• Sistemas domóticos, control de distancias, optimización de procesos, portas e consignas automáticas, controis de acceso, renovación de aire, sistemas de climatización e softwares de control asociados.

• Sistemas de chekin-in automáticos.

• Carteleira, rotulación, sinalética e actuacións vinculadas con esta.

• Equipamento, directo ou indirecto, que poida servir de apoio ou difusión no control da pandemia (medidores de CO2, ionizadores, dispensadores, etc.).

• Reformas orientadas á creación de espazos que suxiran maior amplitude (cores claras, incorporación de espellos, etc.).

• Envoltorios e material dun só uso. O total de gastos destinados a este concepto non poderá superar o 10 % dos gastos totais subvencionables.

• Procesos de desinfección e desinfección recorrente realizados por empresas externas con motivo da COVID, que non teñan a consideración de gastos de limpeza ordinaria.

• Novo equipamento de hixienizado e lavado.

• Novo equipamento para novos produtos, presentacións ou métodos de conservación.

• Equipamento multiservizo.

 

2. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coas actuacións subvencionables e, en ningún caso, os seguintes:

a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.

b) Adquisición de bens de equipo de segunda man.

c) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como menaxe de cociña e comedor (vaixela, cubertaría, cristalaría e pequenos utensilios), enxoval dos cuartos e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias, coa excepción dos envoltorios e material dun só uso recollidos no punto anterior.

d) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canalóns, pintura, arranxos de carpintaría,…).

e) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.

f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

 

3. O importe máximo de subvención será dunha porcentaxe do gasto subvencionable cos límites que a continuación se expresan de acordo co investimento realizado:

• O importe máximo de subvención será do 90 % do investimento, cun máximo de 50.000 euros por beneficiario.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

 

Máis información: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TU503E