Subvencións destinadas ás familias con alumnos/as de educación primaria e secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial de centros docentes sostidos con fondos públicos para comprar equipos informáticos.

 

As subvencións, que se aprobarán polo procedemento de concorrencia competitiva, estarán destinadas a financiar a compra de ordenadores portátiles e ordenadores de sobremesa polas familias de Pontevedra, para o seu uso polo alumnado menor de idade de educación primaria e
secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial de centros docentes sostidos con fondos públicos, empadroado no Concello de Pontevedra

O obxecto destas subvencións é fomentar o acceso do alumnado menor de idade de Pontevedra, tanto aos recursos didácticos necesarios para a súa escolarización como ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, en condicións de igualdade e equidade, apoiando ás unidades familiares para a adquisición do equipamento que o faga posible.

 

CONTÍA DAS AXUDAS.

A contribución económica do Concello efectuarase ata o límite de 400.000,00 euros no ano 2021.

A contía individual de cada axuda será de 400,00 euros por familia, sen que en ningún caso poida concederse unha axuda por importe superior ao custe do dispositivo dixital que se subvenciona, xustificado coa correspondente factura.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

Debido ás especiais razóns de interese público e social que concorren na presente axuda, a porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 100% do custe da actuación.

 

COMPATIBILIDADE CON OUTRAS AXUDAS.

As subvencións serán incompatibles con outras axudas  ou  subvencións  doutros  organismos públicos ou privados para a mesma finalidade, isto é, para a adquisición dos equipos informáticos para utilización do alumnado ao que se refire a axuda.

 

GASTOS E PRAZO SUBVENCIONABLE.

Só se subvencionará a compra do seguinte equipamento informático:

ordenadores portátiles

ordenadores de sobremesa.

Subvencionarase a compra dos anteriores dispositivos dixitais que fóse realizada e pagada entre o 14/03/2020 e o 31/12/2021.

 

REQUISITOS PARA PODER RECIBIR AS AXUDAS.

1.- Poderán ser beneficiarias destas axudas as nais, pais ou persoas que teñan a tutela ou garda legal cos que convivan as/os alumnas/os menores de 18 años matriculados/as, no curso 2020-2021, en educación primaria ou secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial nun centro docente sostido con fondos públicos.

2.- As persoas beneficiarias deberán de reunir os seguintes requisitos no momento da presentación da súa solicitude:

a) Que a unidade familiar de convivencia estea empadroada no Concello de Pontevedra (a comprobación deste requisito realizarase polo propio servizo xestor da subvención).

b) Convivir cos/cas alumnos/as para os que se solicita a axuda.

c) Que os/as alumnos/as para os/as que se solicitan as axudas sexan menores de idade e estean matriculados/as no curso 2020-2021, en educación primaria e educación secundaria obrigatoria bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial nun centro docente sostido con fondos públicos.

d) Que a capacidade económica da unidade familiar de convivencia non supere os valores que se determinen nas bases reguladoras das subvencións, que se aprobarán polo órgano do Concello que sexa competente. Este límite da capacidade económica familiar tomará como referencia o Salario Mínimo Interprofesional anual establecido para o ano 2021, co incremento que se determine segundo os membros da unidade familiar de convivencia.

3.- Para os efectos destas axudas enténdese por “unidade familiar de convivencia”:

a) A formada polos cónxuxes e os seus descendentes, que convivan habitualmente.

b) Nos casos de separación legal, viuvez, familia monoparental ou unión de feito sen vínculo matrimonial, a formada polos respectivos titulares cos seus descendentes, que convivan habitualmente.

c) A formada polo/a alunmo/a, os seus acolledores de feito ou de dereito e os seus descendentes, que convivan habitualmente.

d) A separación transitoria motivada por razóns de estudo, traballo, tratamento médico ou outras causas semellantes non rompen a convivencia para estes efectos, sempre que sigan cumprindo o requisito do empadroamento. De non ser así, non se terá en conta ao membro da unidade familiar no que concorra esta circunstancia.

 

CRITERIO PARA A VALORACIÓN DAS SOLICITUDES.

O criterio que servirá para determinar a orde de preferencia das solicitudes presentadas será a renda per cápita da unidade familiar de convivencia do ano 2019.

A lista das subvencións outorgadas realizarase por orde inversa á contía da renda per cápita da unidade familiar, de menor a maior, ata esgotar o crédito dispoñible para esta convocatoria.

No caso de empate na contía da renda, estarase ao número de membros da unidade familiar. De persistir o empate, estarase ao número de descendentes menores de idade.

Nos casos nos que a capacidade económica da unidade familiar experimentase un deterioro significativo en relación ao que consta na declaración do IRPF do ano 2019, as persoas interesadas terán que manifestar esta circunstancia e acreditar a nova situación económica, achegando a documentación que o xustifique correspondente ao primeiro anterior á publicación da convocatoria.

Para os efectos do cálculo da renda per cápita, computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.

Para estes mesmos efectos, computará por dous cando a solicitante fose vítima de violencia de xénero.

Computarán tamén por dous os membros da unidade familiar que se atopen en situación de acollemento e os que teñan recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus grados.

 

PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO PARA A TRAMITACIÓN DAS AXUDAS.

As solicitudes que se presenten tramitaranse polo procedemento de concorrencia competitiva, segundo  as  normas  establecidas  nos artigos 23 e seguintes da Lei Xeral de Subvencións. Deste xeito,  a  concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha orde entre estas, en función dos criterios de avaliación recollidos na convocatoria e conforme aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Poderán presentar solicitudes as nais, pais, titores/as ou representantes legais do alumnado, utilizando o modelo oficial que no seu momento se aprobe polo Concello de Pontevedra.

A solicitude poderá presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se obterá na sede electrónica do Concello de Pontevedra (http://sede.pontevedra.gal/) ou de  xeito presencial no Rexistro Xeral  do  Concello  de  Pontevedra  ou  nos  rexistros  auxiliares  que  se determinen. Tamén poderá  presentarse  a  solicitude  en  calquera  das  formas  previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,  do  procedemento  administrativo  común  das  Administracións Públicas.

O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir da correspondente publicación no BOP da convocatoria das subvencións.

Só se aceptará unha solicitude por unidade de convivencia. No  caso  de que se presente máis de unha acumularanse, tramitándose unicamente a primeira presentada no Rexistro.

Será necesario que solicitude sexa asinada pola nai, pai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as correspondentes bases, cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude.

Con aquelas solicitudes que cumpran todos os requisitos para seren beneficiarias das axudas, pero que queden excluídas por esgotarse o crédito da convocatoria, formarase unha lista de agarda por renda per cápita de menor a maior. As solicitudes que se atopen na lista de agarda poderán resultar beneficiarias no caso de que, por calquera causa, exista crédito orzamentario.

 

PAGAMENTO E XUSTIFICACIÓN DAS AXUDAS.

As bases que regulen estas axudas establecerán a posibilidade de que as persoas beneficiarias soliciten que se lles abone a totalidade da subvención de xeito anticipado, isto é, unha vez aceptada a axuda e antes da súa xustificación coas correspondentes facturas.

As persoas  beneficiarias  estarán sempre obrigadas a presentar a conta xustificativa da subvención no prazo que se estableza na convocatoria, que en todo caso rematará o 31/03/2022.

O sistema de xustificación requirirá a presentación das facturas que acrediten a compra dos ordenadores adquiridos  polas  familias beneficiarias. As bases tamén esixirán que se xustifique que as ditas facturas estean pagadas antes do 31/12/2021.

 

PUBLICIDADE DA CONVOCATORIA E DAS SUBVENCIÓNS QUE SE CONCEDAN.

En aplicación da Lei 19/2013 de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, as bases que regulen estas axudas publicaranse no Boletín Oficial da Provincia e máis na sede electrónica do Concello de Pontevedra, dándoselle tamén a necesaria difusión e divulgación a través de todos os medios dos que dispoña o Concello.

No seu dia, tamén se publicará a resolución da convocatoria de concesión das axudas. Esta publicación conterá o DNI, NIE ou pasaporte (parcialmente anonimizados) da persoa solicitante (nai, pai ou persoa que teña a tutela legal do alunmo), a referencia do seu expediente, a resolución recaída (inadmitida, concedida, denegada-facendo constar o motivo da denegación- ou desistida) e a contía da subvención recibida, polo que débese de ter en conta que no momento no que se presente a solicitude estarase autorizándo implícitamente ao Concello para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias para facer esta publicidade, que resulta imprescindible para cumprir a normativa reguladora das subvencións públicas.

 

Consulta las bases completas aquí
Accede a la web del Concello de Pontevedra: Pontevedra Supera