Subvención do bono das persoas autónomas
Prazo de presentación: 14 de xaneiro de 2022 – 14 de febreiro de 2022. Por orde de entrada. En réxime de minimis.
Prazo de resolución: Tres meses
Solicitude: https://sede.xunta.gal
A quen vai dirixido?
- As persoas traballadoras autónomas.
- As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia.
Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade que se vaia subvencionar cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, e o resto do gasto será por conta da persoa beneficiaria.
Serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 5 de decembro de 2022.
Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Esta axuda terá dúas liñas de actuación:
Liña 1, mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:
- Plan estratéxico do negocio.
- Plan de reorientación do negocio.
- Plan de refinanciamento.
- Plan de márketing.
- Plan de eficiencia enerxética.
- Plan de biodiversidade.
- Plan de comunicación do negocio.
- Plan de transformación dixital.
Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.
Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona na súa convocatoria para o exercicio de 2021 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.
Liña 2, mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:
- Compra de maquinaria.
- Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
- Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
- Compra de utensilios e ferramentas.
- Reforma do local do negocio.
- Equipamento informático. (En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones. Exclúense a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola que a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade).
- Equipamento de oficina e/ou negocio.
- Rótulos.
- Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.
- Deseño de marca.
Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. O importe máximo que se pode percibir por ambas as liñas é de 3.000 €.
No caso de reforma do local do negocio, exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
Requisitos
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.
2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2020 inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.
3. Quedan excluídos desta orde:
a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.