01 Obxecto e finalidade:
Convocatoria para o ano 2018 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
02 Persoas beneficiarias:
a) Persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
b) Persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
02.1 Non poderán ser beneficiarias :
a) Persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
b) Sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.
c) Persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: (Ver CAPITULO IV / Artigo 32 / Punto 5 )
d) Persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
03 Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables
Serán subvencionables as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.
A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo
04 Requisitos
a) Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida poderán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.
c) Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
d) Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
e) O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
05 Contía da subvención:
– Primeira persoa traballadora indefinida.
A axuda consistirá nunha contía de 3.000 euros cando se trate dunha persoa desempregada.
Esta axuda será de 5.000 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
- Persoas desempregadas de longa duración.
- Persoas con discapacidade.
- Persoas en situación ou risco de exclusión social.
– Segunda e terceira persoa traballadora indefinida.
A axuda consistirá nunha contía de 5.000 euros cando se trate dunha persoa desempregada.
Esta axuda será de 7.000 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
- Persoas desempregadas de longa duración.
- Persoas con discapacidade.
- Persoas en situación ou risco de exclusión social.
Estas contías resultantes incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.
Deste xeito as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:
– Para a primeira persoa traballadora indefinida 10.000 €.
– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 14.000 €.
06 Exclusións
Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:
a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.
b) Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e ás fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
c) As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
d) As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.
07 Prazos
a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.
08 Resolucion
O prazo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.
Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
09 Incompatibilidades e concorrencia
a) As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.
b) Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 70 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona. Este límite será ampliable ata o 80 % cando a persoa traballadora contratada pertenza a un dos colectivos a que se refire o artigo 35.1 da orde de convocatoria.
c) Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
10 Obrigas das persoas beneficiarias
a) A persoa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos.
b) No suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a manter durante 2 anos, contados desde a data da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal.
c) No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída, e a nova persoa traballadora deberá pertencer a algún colectivo polo que se lle puidera conceder un incentivo por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.
d) A persoa beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate do prazo sinalado nos puntos 1 e 2, o informe de vida laboral da empresa emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social das 24 mensualidades.
¡Importante!
Para ver o texto completo da orden do 5 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de estas axudas donde se especifican (entre outras) as Obrigas das persoas beneficiarias, exclusions, e a Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro:
Enlace oficial o texto completo, ver CAPITULO IV